EN DEFENSA DE BETANZOS

ALFREDO ERIAS

Betanzos, como típica cidade medieval que é, defínese por dous elementos característicos: pola muralla ou cerca que a defende, e pola feira extramuros que lle da vida desde a súa orixe. A muralla, como ben público, foi permanentemente coidada mediante impostos especiais, pero hai algo máis dun século as cousas empezaron a cambiar e non só para ela.

Ben entrado o século XIX Betanzos non quería ser Betanzos: preferiría ter seguido o rumbo das grandes cidades, como lle ocorriu á súa rival histórica, A Coruña. Así pois, buscou o mellor referente para modernizarse e, nesa percura, atopou rapidamente a estrela máis refulxente: París.

Dalí trouxo no 1866 a neoclásica Fonte de Diana, que é hoxe un símbolo. Pero tamén trouxo unha enfermidade terrible que por pouco deixa sen personalidade propia á cidade: había que ser modernos, andar co progreso. E iso ¿en que consistía? Pois, para empezar, a imitación dos ensanches de Napoleón III (Campos Elíseos...), aínda que a tradición dos ensanches xa era anterior, entre 1865 e 1867 prantéxase e apróbase no Concello a eliminación das portas antigas da muralla, posto que facían difícil a entrada na poboación e ademais daban "muy mal aspecto".

¿Resultado?: a emblemática Porta da Vila desapareceu no 1872 sen que dela teñamos sequera un mal debuxo ou unha fotografía (que xa a podía haber). Só nos quedan, como lembranza da súa monumentalidade, tres escudos: Castela, Galicia e Betanzos.

Os demais arcos non desapareceron, pero non por que cambiaran as ideas dos concelleiros, senon porque non había cartos para as obras. De feito, aínda no 1899 "se propuso y la corporación por unanimidad acordó que la Comisión de Obras concrete... el medio de hacer desaparecer la edificación que existe encima del arco de la calle Pardiñas a fin de demoler éste y ensanchar en aquel punto la entrada de la calle".

E postos a ser modernos e progresistas (por eses anos xa se intentara dar o nome de "progreso" a algunha rúa, aínda que se poñerá de feito no 1888) nin sequera quedan libres os edificios relixiosos, posto que arredor tamén de 1872 (entre 1870 e 1878) destruirase nada menos que o "moesteiro" gótico de San Francisco, que edificara Fernán Pérez de Andrade no 1387. ¿Cal foi a xustificación?: a solicitude duns veciños da Ribeira que querían unha rúa nese punto.

A rúa fíxose (a actual dos Cabildos) desde logo, pero ¡a que precio! Hoxe, coa existencia do Museo das Mariñas estamos a recuperar basas, capiteis, etc. daquel impresionante claustro e nunca Betanzos se lamentará bastante da súa perda (¿cantos hai que teñen conciencia disto?). Claro que, por se non fora pouco, o 22-VII-1936 queimouse a igrexa de San Francisco botando gasolina desde o tellado, así que se algo queda alí é de puro milagre.

Por certo, o Museo está tamén de milagre no convento desamortizado de Santo Domingo, porque xa no ano 1843 se incoou un expediente no Concello para a súa "demolición", con obxecto de "dar mayor ensanche" á cidade: un precedente local, pois, dos ensanches.

Reconforta pensar que, polo que fora, se salvaron da modernidade as dúas únicas casas asoportaladas que quedan na acera dereita, subindo, da Rúa do Castro, posto que o Concello determinou tirar tódolos soportais que había nesa rúa (desde a casa seguinte a "Selgas" ata abaixo, chegando ó comenzo da Rúa Travesa, incluindo "Deive"). Entre a década de 1870 e 1900 caeron case todos. O último (á veira da Cárcere por abaixo) aínda esperou ata arredor de 1920.

Logo, aínda a febre seguiu co intento de ensanchar a rúa da Ribeira e coa realidade do ensanche da Ponte Vella. Esta ponte medieval, que xa perdera o torreón defensivo que a caracterizaba (a Caramona, nome idéntico a outra torre similar que houbo na Ponte Nova) na primeira metade do s. XIX, viu entre 1897 e 1900 como desaparecía o seu pretil cos apartadeiros típicos (coma os da Ponte das Cascas). Pero, con todo, aínda temos que dar gracias, porque arredor de 1979 o MOPU tirou a Ponte Nova (medieval tamén) para sustituila por outra fea e impersonal de formigón, indigna de Betanzos.

Nos nosos días temos aquí ó lado a lección contraria: a escola taller de Culleredo ven de reconstruir total e magníficamente a Ponte medieval do Burgo. Teremos que ir alí agora para saber como eran as nosas no pasado.

As barbaridades, como vemos, non pararon cos ensanches do s. XIX e algún día haberá que facer unha lista polo miúdo das que se fixeron no XX.

Hai uns días El Correo Gallego facíase eco do achádego en Santiago de parte dos cimentos da muralla medieval, ós que se lles daba unha gran importancia. Pois ben, en Betanzos ó derrubar unha casa por obras perto da Porta da Vila, apareceu moito máis que iso, posto que quedou case completamente á vista un corpo saínte da muralla (construida entre o s. XIII e o XV), a maneira de torreón de base rectangular, que nos da unha imaxe espectacular non só do que é a nosa espectacular muralla (na maior parte tapada por edificios), senon tamén do que foi a Porta da Vila cos seus torreóns.

O que temos á vista é un auténtico momumento que Betanzos debe salvar para o presente e para o futuro. Betanzos, unha das xoias que mellor se conservan, a pesar de todo, da antiga Galicia, cidade turística, conxunto histórico-artístico, sede de cursos universitarios internacionais, perto doutra sede destas características como é Mariñán, perto ademais da gran urbe que é A Coruña, etc., non pode deixar que este momumento quede alterado ou simplemente tapado. Por unha vez, Betanzos ten a oportunidade de sumar patrimonio en vez de restalo, pero para iso hai que enfrentar o problema con toda claridade.

Para os que queren quitar da vista esa parte da muralla, argumentando que daquela había que tirar tódalas casas que están pegadas a ela, direilles que eu non pido imposibles e, ademais, o lugar no que se atopa, perto da Porta da Vila é especial. O que suxiro é:

1º) Que por quen corresponda se busquen os medios necesarios para expropiar ese solar, pagando ós afectados non só o que sexa xusto, senón, e polas dúbidas, con xenerosidade, tendo en conta tódolos perxuicios que sofren. Solucionar isto é prioritario e, ademais, debe facerse coa maior rapidez. Para iso, e como un cidadán máis, penso que os partidos políticos da cidade deben ter unha actuación conxunta, non utilizando este caso (por acción ou omisión) como arma política. A partir daquí o diálogo debera extenderse ás institucións políticas supramunicipais e mesmo, se é preciso, a entidades financieiras, fundacións culturais, etc. susceptibles de axudar a unha pronta solución. Vendo como vemos que a autovía a Benavente supón masivas expropiacións, paréceme que a cuestión económica non pode ser o problema para facer isto cun pequeno solar en Betanzos.

2º) Restaurar o torreón, adecuar o entorno, iluminalo e xa está.

Se isto se fai ben e rápido todo o mundo debería quedar satisfeito. Se pola contra se fan uns cuantos informes, a efectos de xustificación legal, e acto seguido as obras continúan, quedará claro que faltou vontade para dar coa solución axeitada. Logo, cando xa non haxa remedio, botarémonos a culpa uns ós outros, pero para os nosos fillos e netos, todos seremos culpables.