PREGÓN DA 2ª FEIRA FRANCA

MEDIEVAL DE BETANZOS

(7 de agosto de 1999)

ALFREDO ERIAS

Ilmo. Sr. Alcalde, Revmo. Sr. Arcipreste de Xanrozo, rexedores, veciños da cidade e de máis aló:

Hoxe é un día importante para tódolos que estamos aquí, porque vimos dispostos a facer presente o mundo medieval do que naceu esta cidade. É, polo tanto, unha viaxe colectiva ás orixes e para min un motivo de honra que o noso Concello me invitase a pregoar tan grande acontecemento. Porque facer que Betanzos se transforme nun burgo medieval estrado de feirantes, bufóns e xentes varias é moi doado. A vida cotiá aínda ten hoxe moito de medieval. Aquí seguimos a te-las feiras que naceron no século XIII, e tódolos martes, xoves e sábados, campesiños, panadeiras e outros máis enchen de cor o noso ancestral Campo da Feira.

Sabede que Betanzos naceu como vila de realengo no 1219 en oposición ó poder dos abades dos mosteiros e dos grandes señores dos castelos. Naceu, como tantas outras da costa atlántica e cantábrica, para aproveita-los recursos dun novo medio de vida, a pesca marítima, favorecida pola desaparición do perigo normando e pola aprendizaxe de novas técnicas de navegación.

Tiña Betanzos, e segue tendo, dúas características típicas dunha cidade medieval de importancia: estaba amurallada, para defenderse dos cabaleiros «maos», dos portugueses ou de quen fora; e contaba, extra muros, cun campo de feira. Deste xeito, a cidade medrou movida por campesiños, mariñeiros, mercadores e artesáns, coas feiras como gran crisol económico que atraía e atrae ós daquí e ós dacolá.

É verdade que no cumio da sociedade betanceira estaban os cabaleiros e as xentes de igrexa, pero é máis verdade que Betanzos se definía e se define hoxe polo traballo. Vede senón os nomes das rúas vellas, os gremios dos que aínda nos quedan as súas fermosas danzas. Lembrade como foi aquí en Betanzos, xunto coa Coruña e Ferrol, onde naceu a Irmandade de Galicia capitaneada polo noso Alonso de Lanzós e que deu lugar á terceira e máis importante Guerra Irmandiña, a de 1467-69. Dela temos aínda a imaxe dormente, no seu sartego, dun alcalde de irmandade betanceiro: o mercador Afonso de Carvallido.

O pobo de Betanzos e os campesiños da bisbarra representaron daquela o poder dos humildes contra a forza dos cabaleiros dos castelos ou dos abades e arcebispos. ¿Ou é que tiña o pobo que soportar sen dicir nada os gravosos impostos, ou criar os infindos fillos dos cabaleiros? É certo que, ó remate, cidadáns e campesiños perderon no campo de batalla, pero tamén o é que unhas 130 torres dos castelos foron derrubadas. E aínda que hoxe nos gostaría que eses castelos estiveran en pé, a súa ruina non deixa de ser unha advertencia para os poderosos sen conciencia que desprecien e abusen do pobo humilde e traballador.

Por eso agora, co poder que me deu o Concello neste acto, podo convocar con toda autoridade a todos e a cada un dos betanceiros, mariñáns e xentes todas que aquí estedes, a participar nesta Feira Franca Medieval.

E digo, que ninguén nesta feira é máis ca ninguén. Cada un ten aquí o seu sitio. Porque Betanzos é hoxe dos cabaleiros, si, pero tamén dos labradores e mareantes; dos alfaiates e ferreiros; dos prateiros, ferradores, cregos e zapateiros; dos frades; das panadeiras; das criadas, taberneiras e costureiras; das donas de longo brial e das fiandeiras e tecedoras; dos carreteiros, cregos e albardeiros; dos notarios e avogados; dos carpinteiros, lavandeiras, monxas e rosquilleiras; dos mestres, oficiais e aprendices; dos pobres e pelegríns; dos mozos e das doncelas, rapaces e rapazas, vellos e vellas, homes e mulleres que aquí haxa ou poida haber. A todos convoco a esta feira sen igual, a esta festa.

¡Viva a feria franca medieval de Betanzos!

VOLVER