PREGÓN DA FESTA DO PEMENTO DO COUTO
NARÓN

31-07-2005
Alfredo Erias Martínez

 

Ilmo. Sr. Alcalde, Autoridades presentes, Amigos todos de Narón: 

Antes de nada quero agradecer ó Concello de Narón que me convidase a esta festa, xa por segunda vez, e que me concedese a honra de pronunciar o seu pregón. Imos aló.

Vouvos contar un conto que xa o coñecedes porque vós, e sobre todo os vosos vellos conservárono durante séculos mediante a ancestral fórmula de contalo a miúdo nas noites de lareira arredor do lume. Pero como esas noites por desgracia van quedando no esquecemento por culpa da televisión, dos ordenadores e de outro xeito de vivir, agora os contos antigos teñen que ser recollidos, para que non se perdan definitivamente, por xentes como as da Asociación de Veciños do Couto, as da Fundación Terra de Trasancos, ou por cronistas como don Manuel López Bouza, de boa lembranza, ou por un historiador de primeiro nivel en Galicia como é o meu admirado amigo, e voso veciño, Andrés Pena Graña, sen esquecernos do sabio don Luis Monteagudo que fixo un magnífico estudio do pemento do Couto, que será referencia obrigada para o futuro.

O conto di o seguinte:

Hai moito tempo chegou ó mosteiro do Couto ou de San Martiño de Xuvia un visitante ilustre (alguén dixo que era un bispo) e, claro, o señor prior agasallouno todo o que puido. Xa sabedes que os frades teñen sona de bos comedores e bos bebedores, e , de feito, se vedes algúns gravados antigos nos que aparezan frades, acostuman estar ben gordiños.

Resumindo, que dentro dese agasallo estaba darlle a ese visitante unhas boas enchentas a base dos mellores produtos das nosas leiras, de carne de porco, de bo viño da terra e de larpeiradas varias das que se facían desde antigo no mosteiro. Pero ocorreu que acompañando unha destas comidas (un guiso ó parecer) estaban pementos, e disque ó comelos o visitante se contrariou dabondo porque picaban.

Xa vos podedes maxinar a tristura do prior do Couto. Todo o que el fixera para ter contento ó persoeiro en cuestión non valera para nada por culpa do picor dos ditosos pementos. Tiña que facer algo e a súa preocupación era tanta que, segundo algúns veciños, de noite soñou conque San Martiño lle dicía que volvese chamar ó persoeiro e que lle fixese outra vez o guiso; así o fixo e os mesmos pementos de antes agora xa non picaban, sendo aquel un día de moita festa no mosteiro.

Esto, repito, era o soño do prior, pero, se fora certo, xa sabedes que os pementos do Couto non pican debido a un milagre de San Martiño.

Pero tamén hai quen remata o conto doutra maneira, dicindo que o bo do prior, dedicouse en corpo e alma os anos seguintes a estudiar as variedades dos pementos e a cruzar uns con outros ata que, por fin, deu cos pementos que non picaban, cultivounos unha e outra vez e desfíxose para sempre das variedades que picaban. Estariamos, por conseguinte, no caso dun antecedente do abade austríaco Gregor Mendel (1822-1844) que estudiando as formas híbridas do guisante oloroso e publicando os resultados no 1865, enunciou nada menos que as leis fundamentais da Xenética, cousa que se lle recoñeceu moito tempo despois, a comezos do s. XX.

Por todo o dito, sería perfectamente posible que en visitas posteriores o ilustre visitante se sorprendese do bos que estaban os pementos e de que non picase ningún.

Claro que todo esto son contos, lendas, mitos que conserva a xente, pero agora veñen os historiadores e investigan a fondo estas cousas, chegando a conclusións máis finas.

Un deles, don Manuel López Bouza, escribiu que, efectivamente, despois de que o visitante se indixestase cos pementos que picaban, o prior pediulle axuda a San Martiño para que non picasen,  pero di o noso cronista que o conseguiu soamente “ó cabo de moito tempo e esforzo”, reforzando a idea dos traballos de hibridación de que falamos. E tamén nos di logo Andrés Pena que cre que o visitante ilustre era o Padre Sarmiento na súa viaxe por Galicia, que visitou o noso mosteiro do Couto dúas veces, no 1745 e no 1755, e que o prior era un tal Felipe Colmenero.

Ben, tamén cabe facer un paréntese e dicir con respecto ó de prior que o vello mosteiro beneditino ou bieito converteuse en priorado cluniacense o 14 de decembro de 1113, aínda que non me parece agora o momento de contar a súa historia, cousa, ademais, que ten feita con extensión e finura Andrés Pena en libros que supoño teredes nas vosas casas.

Hoxe toca facer festa, facela arredor do mellor pemento do mundo, un pemento que gracias a todos vós ten denominación de orixe galega, soamente xunto a outros tres e que pronto a vai ter por parte da Comunidade Económica Europea, sendo para o futuro voso e dos vosos fillos un elemento máis de riqueza nesta terra por tantas cousas xa rica de por si.

Fixádevos a onde se pode chegar a partir dunha lenda.

Por eso creo que a primeira lección que debemos sacar de todo esto, e diríxome sobre todo ós rapaces e rapazas e ós mozos e mozas, é que recoller todo o que nos contan os nosos vellos supón logo unha riqueza de primeira magnitude. Riqueza espiritual, desde logo, pero ás veces, como neste caso, riqueza tamén económica. Porque, recoñezámolo, o pemento do Couto non sería o mesmo, creo que ata non nos gustaría o mesmo sen estar adobado con estes contos e lendas dos nosos antepasados.

Recollamos, pois, todo o que nos conten os nosos patróns. Temos as maiores facilidades:  gravadoras, vídeos, de todo e, sen embargo, nunca como agora se lles fixo menos caso ós nosos vellos, sobre todo, tamén hai que dicilo, nas cidades. Parece que a gran fórmula e xuntalos todos nun asilo e esquecerse deles. Pero esa non é a gran fórmula. A gran fórmula e telos con nós, que traballen se poden e queren, que nos axuden cos rapaces, que se sintan útiles e queridos, que falemos con eles, que nos conten contos, que llos contes ós nosos nenos, que son os seus netos ou bisnetos, porque agora vívese máis. Os vellos son o noso maior patrimonio, a nosa historia, son eles os que gardan tesouros como estas lendas dos pementos do Couto ligados o mosteiro de San Martiño de Xuvia. E son os nosos vellos, os vosos, os do Couto, ós que lles debemos que hoxe poidamos estar todos xuntos aquí arredor dun mito que resultou ter moito de realidade.

Estamos xuntos, no medio dun monte marabilloso, debaixo de árbores que semellan chegar ó ceo. Diríase que nos xuntamos como hai milleiros de anos o facían os nosos antergos, a nosa xente de cultura celta da que procedemos. É certo que daquela non había pementos, porque estes viñeron de América moito tempo despois, pero a xuntanza arredor do lume é o que importa e o que afortunadamente para os veciños de Narón e, particularmente, para os do Couto, permanece hoxe aquí.

Tedes o mellor pemento do mundo. Non me estraña que a seguranza de que non piquen sexa tanta que corra unha segunda lenda entre vós que di que o día que un dos pementos do Couto pique, acabarase o mundo. Preguemos pois ós deuses todos dos nosos antepasados e a San Martiño tamén, para que semellante acontecemento non teña lugar e para que poidamos ter hoxe e sempre a festa do pemento do Couto coa ledicia que dela se espera.

¡Viva o pemento do Couto!

¡Viva Narón!